A Xunta de Goberno aproba as bases das subvencións para o deporte federado

martes, 4 Agosto, 2020

Pavillón de Vite

A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou a convocatoria de subvencións para o fomento do deporte federado correspondente ao exercicio 2020. Tamén se deu o visto bo ás renovacións e novas autorizacións das hortas municipais de Fontiñas-Cotaredo e adxudicáronse as obras de acondicionamento interior do xacemento do Castelo da Rocha Forte.

O Departamento de Deportes destina 275.000 euros a esta nova convocatoria de subvencións para o fomento do deporte federado. As bases serán publicadas en breve e abrirase así o período de solicitude destas axudas, que teñen como obxectivo financiar, en parte, os gastos derivados da participación de clubs nas competicións deportivas oficiais das federacións autonómicas e nacionais.

Tal como explican dende o Departamento de Deportes, o retraso na presente convocatoria é debido á situación creada pola Covid-19 e ao grao de incertidume creado no deporte de competición, á espera de coñecer as intencións das federacións deportivas e a evolución do panorama sanitario. Malia persistir as dúbidas, explican, visto que parte das federacións autonómicas están a fixar calendarios para a temporada 2020-2021, decidiuse manter as bases da convocatoria en termos semellantes a outros anos, incrementando os conceptos de gasto para facilitar a concorrencia e posterior xustificación.

Tamén en materia deportiva, aprobouse a autorización de cesión provisional do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro e do campo de adestramento de San Lázaro II a favor da S.D. Compostela para a temporada 2020/21, na que o conxunto santiagués competirá en Segunda División B.

Renovación de hortas municipais 

Na xuntanza do Goberno local tamén se aprobou a renovación e novas autorizacións das concesións de uso das hortas municipais de Fontiñas-Cotaredo. Son 39 hortas, das que 30 se correspondente con renovacións e 9 con novas autorizacións.

Acondicionamento da Rocha Forte 

Ademais, adxudicáronse as obras de acondicionamento interior do xacemento do Castelo da Rocha Forte, actuación que forma parte da EDUSI-Santiago, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O importe de adxudicación é de 84.662,51 euros (IVE incluído).