A VII edición do "CorreSan" incluirá unha proba polo barrio de San Pedro

martes, 31 Xullo, 2018

Rolda de prensa de presentación da Corresan 2018

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá a sétima edición do Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan, que nesta ocasión inclúe catro probas que se estenderán dende o 15 de setembro ata o 1 de decembro. Na rolda estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o delegado da Federación en Santiago, Iván Sanmartín, e o santiagués e vencedor absoluto da edición 2017, Amador Pena Torreira.

A edila de Deporte lembrou que para o concello "é un pracer contribuír a seguir fomentando os hábitos deportivos entre a veciñanza e dar resposta á demanda cada vez mais crecente de carreiras, nunha cidade como esta que é ademais Patrimonio da Humanidade".

O presidente da Federación Galega de Atletismo amosou a súa "satisfacción por participar dunhas carreiras que fomentan hábitos de vida saudables e contribuír a que Compostela medre en tecido atlético". O gañador da edición pasada sinalou que "grazas a estas carreiras, cada vez máis xente se suma a practicar este deporte", unha liña na que incidiu tamén Iván Sanmartín, quen engadiu que "a facilidade das probas, con 5 ou 6 quilómetros na maior parte delas, fai que poida participar un número elevado de xente, incluso sen ter participado previamente".

A primeira proba será a xa tradicional e espectacular carreira nocturna polas rúas do casco histórico, que terá lugar o sábado 15 de setembro a partir das 22:00 horas. A segunda carreira está prevista para o 13 de outubro coa Ruta da Prata-Angrois, unha das que ten maior dificultade de todo o circuíto polos cambios de rasante. A terceira proba será a da Ruta dos Parques, unha das máis participadas pola veciñanza polo trazado do circuíto e a facilidade da proba. Será o sábado 3 de novembro.

Principal novidade

Este sétimo Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan incorpora unha novidade, a proba polo barrio de San Pedro, que permitirá que as persoas que participen coñezan ou redescubran un dos barrios máis característicos de Compostela. Esta carreira celebrarase o 1 de decembro e porá o broche a este CorreSan.


Toda a información do VII Circuíto de Carreiras Saudables estará nas webs www.carreirasgalegas.com e www.corresan.com.