Sétima edición do Campus de Fútbol Vero Boquete do 27 ao 29 de decembro

martes, 19 Decembro, 2017

A xogadora compostelá do París Saint Germain, Vero Boquete, presentou xunto á concelleira de Deporte, Noa Morales, o VII Campus de Fútbol Vero Boquete, dirixido a nenos e nenas que queiran aprender técnicas e tácticas futbolísticas. O Campus estará aberto os días 27, 28 e 29 de decembro. A inscrición remata mañá mércores.

A este campus tamén asistirán persoas vinculadas ao mundo do fútbol que compartirán cos nenos e nenas as súas experiencias e valores como xogar en equipo e ver con normalidade a igualdade no térreo de xogo entre xogadores e xogadoras.

Noa Morales agradeceu a implicación de Vero Boquete, "unha das mellores xogadoras a nivel mundial", neste Campus, dirixido a nenos e nenas de entre 14 e 18 anos, que durante tres días desenvolverán e perfeccionarán técnicas e tácticas futbolísticas, tanto colectivas como individuais. Todo isto acompañado doutras actividades de acompañamento, como conversas con deportistas de alto nivel, e propostas de lecer. As actividades terán lugar nos campos de fútbol de Santa Isabel e do Sergas e no Centro Don Bosco.

Pola súa parte, Vero Boquete indicou que "volver á casa por estas datas para min está relacionado co meu Campus e coa visita visita ao Concello para agradecer a colaboración que sempre aporta para organizar estas actividades da Escola". Tamén deu as grazas ás familias por "seguir contando con nós e que este Campus siga transmitindo á xente máis nova valores importantes que me transmitiu o fútbol dende que o practico".

"Temos a participación aberta ata encher prazas, que andan sobre as 100", indicou a futbolista, que destacou como a participación feminina se foi incrementando nos últimos anos, pasando do 30% da primeira edición ao 70% da última, o que contribuíndo así a normalizar a presenza da muller nos campos de xogo. Ademais, Vero Boquete apuntou a importancia para xente nova de aprender valores coma o traballo en equipo, o compromiso e as gañas de superarse.

Finalmente anunciou que, como en anos anteriores, estarán no Campus coñecidos deportistas, cuxos nomes quere que sexan unha sopresa para os/as participantes.