Santiago acolle ata o 15 de novembro o Mundial sub-8, sub-10 e sub-12 de xadrez

luns, 5 Novembro, 2018

Mundial sub-8, sub-10 e sub-12 de xadrez en Compostela

Máis de 800 xadrecistas cadetes de todo o mundo danse cita na nosa cidade para disputar o Mundial sub-8, sub-10 e sub-12 de xadrez, que se celebrará ata o 15 de novembro na Cidade da Cultura. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado das concelleiras de Deporte e de Turismo, Noa Morales e Marta Lois, asistiron onte á inaguración do campionato.

Inscribíronse no Campionato Mundial máis de 800 nenos e nenas de 85 países, que competirán nas catro categorías do torneo (sub-8, sub-10, sub-12, absoluto e feminino). Polo que respecta á representación galega, participan no torneo 69 xogadores, procedentes das catro provincias galegas.

Santiago de Compostela foi elixida sede destes campionatos no Congreso da Federacion Internacional de Xadrez (FIDE) que tivo lugar en setembro de 2016 en Baku (Acerbaixán), sendo a final con Turquía. As anteriores edicións destes mundiais téñense celebrado en Grecia (2015), Xeorxia (2016) e Brasil (2017). Os datos de persoas inscritas auguran un mundial de récord, dobrando a participación en Brasil.

Cada día disputaranse 400 partidas simultáneas no Museo Centro Gaiás, que poderán seguirse en directo dende o espazo habilitado no exterior do museo e tamén vía streaming na web do Campionato (www.wccc2018.com).

Actividades complementarias 
Durante a celebración do Mundial, a Cidade da Cultura acollerá tamén actividades simultáneas como seminarios de xadrez e execución e formación para docentes e adestradores e adestradoras. Ademais, a Federación Española de Xadrez celebrará en Compostela unha xuntanza cos presidentes das federacións autonómicas e celebrará tamén a súa xuntanza directiva.