"SAN", a nova marca do deporte santiagués

luns, 7 Maio, 2012

A Concellería de Deportes do Concello de Santiago presenta a súa nova marca que dinamiza e moderniza o Departamento de Deportes, nun acto celebrado onte luns na “Casa das Asociacións” quixo poñer en valor a integración coa que se está levando a cabo a xestión e coordinación de todo o deporte da cidade, dende os equipos de elite que militan nas máximas categorías ata as agrupacións máis modestas que practican diferentes modalidades deportivas en Santiago.


Baixo o lema “ O deporte é San, Santiago é SAN”, a nova imaxe veu acompañada do anuncio de novas actuacións e medidas en materia deportiva. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, fixo un repaso das principais accións que se levarán a cabo proximamente grazas a unha rigorosa política de inversión que permitirá a remodelación do estadio de San Lázaro, a construción do novo Complexo Deportivo de Santa Marta e o incremento das subvencións ó tecido asociativo da cidade. Así mesmo quixo recordar que a consolidación dos servizos prestados ós cidadás son unha máxima constante que se traduce día a día na mellora e accesibilidade ós recintos deportivos, en planes de formación do deporte de base, no apoio ó sector empresarial privado e na creación e posta en marcha de novas iniciativas como o circuíto de carreiras saudables da cidade “ Corre San” que verá a luz proximamente.


A posta en marcha dunha nova páxina web completará a renovación da imaxe do deporte en Santiago; unha plataforma online na que os cidadáns poderán consultar toda a información relacionada coas distintas actividades, instalacións e equipos da cidade.


A nova imaxe da Concellería de Deportes foi creada póla axencia BAP&Conde.


O acto de presentación tivo lugar onte luns día 7 de maio na Casa das Asociacións ( Antiga estación ferroviaria, a primeira construída en Galicia), e contou con numerosos representantes do panorama deportivo da cidade ademais de numerosos representantes institucionais.