San Lázaro será este domingo o escenario do XVII Trofeo Concello de Santiago de Ciclocros

mércores, 8 Novembro, 2017

Juan Carlos Muñiz, Noa Morales e Manuel Paz presentando a proba

Esta proba acollerá arredor de 350 ciclistas procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal. O trofeo repite localización en San Lázaro e conta cun circuíto de 2.600 metros que, como remarcou a concelleira de Deportes, "será aínda máis atractivo tanto para os participantes como para que os que se acheguen a velo, grazas a algunhas modificacións que o dotarán dun perfil máis técnico e duro". Nese sentido, o presidente do Club Ciclista Muebles Compostela recoñeceu que a intención era que "o circuíto fora máis similar ao que se atopan os ciclistas do equipo cando van competir noutras probas".

Promoción do ciclocross 

Manuel Paz tamén incidiu en que este ano se quere aproveitar a proba do domingo para "animar os nenos e nenas a coñecer esta disciplina deportiva, que cada ano vai a máis"

O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, recoñeceu o esforzo que fan "tanto o Concello de Santiago como o Club Ciclista Muebles Compostela para promocionar deportes coma o ciclocross". Tamén sinalou que "das 14 probas do calendario galego de ciclocross, a de Santiago é sempre unha das que xunta a máis participantes".

Horarios

Haberá catro saídas dependendo das categorías. A proba comezará ás 9:30 h coa carreira de promoción, na que nenos de entre 6 e 14 anos en posesión de licencia de ciclismo serán protagonistas.

Ás 10:00 h será a quenda das categoría Master 40, 50 e Cadetes masculino e feminino. Ás 11:00 h tomarán a saída os Master 30 e Féminas (Elite, Sub-23, Júnior e Master). Xa ás 12:00 h arrancarán as categorías Elite e Sub-23 masculino, que sairán xusto por diante da categoría Júnior masculina. A entrega de premios está prevista para as 13:30 h.

O Trofeo Concello de Santiago é a cuarta proba puntuable para a Copa Galicia de Ciclocross, organizada pola Federación Galega de Ciclismo. A inscrición pode realizarse a través da web da Federación e remata este mércores día 9 ás 22:00 h.

Direccións relacionadas