A partir do 27 de setembro a reserva das instalacións deportivas para "uso libre", é dicir ─partidos, xogos deportivos e práctica deportiva en xeral desenvolvida por persoas físicas e non profesionais─ poderá realizarse ON-LINE a través da web do Concello de Santiago.
O procedemento e requisitos serán os mesmos que ata o de agora estaban a empregarase, é dicir, a reserva das instalacións por parte de persoas físicas para o desenvolvemento de actividades deportivo-recreativas de carácter puntual seguirá realizándose cunha semana de antelación, é dicir, dunha semana para outra, podendo facerse efectiva a partir das 9 horas da mañá de cada martes. O procedemento on-line iniciarase o martes 27 de setembro, polo que as primeiras reservas serán efectivas para a primeira semana de outubro (do 3 ao 7 de outubro).
En ningún caso, unha mesma persoa poderá reservar dúas horas na mesma semana.
A reserva on-line realizarase a través da carpeta cidadá do Concello disponible na web www.santiagodecompostela.org sendo necesario darse de alta como usuario ou a través do DNI electrónico ou certificado electrónico.
Cada hora reservada terá un número codificado que figurará no resgardo xunto coa información do responsable da reserva (nome e apelidos, número de DNI, teléfono e correo electrónico).
Lembrar que será obrigatorio presentar o xustificante de reserva xunto co DNI da persoa ou persoas titulares da mencionada reserva. Co fin de evitar que un contratempo de última hora da persoa que ten a reserva impida a súa presenza na instalación, dase a opción de definir a dúas persoas como titulares da hora escollida de tal xeito que no suposto de que unha non poida estar presente, exista a alternativa de que estea o outro titular. En ningún outro suposto, o conserxe da instalación permitirá o acceso ao recinto.
Polo resto, será de aplicación a normativa aprobada polo Concello de Santiago no que respecta a uso dos polideportivos municipais para “uso libre”.
Para máis información pode dirixirse ao Departamento de Deportes (Teléfono: 981 528 730)