Reabren as instalacións deportivas da cidade de forma gradual e adoptando todas as medidas anti-COVID

martes, 22 Setembro, 2020

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou o pasado luns 21 de setembro o programa de ocupación das instalacións deportivas municipais, que irán abrindo de forma progresiva, respectando sempre as limitacións impostas para a contención da COVID.

Desde o pasado 8 de xuño xa se viñan empregando varias instalacións deportivas, segundo demanda, para atender tanto dinámicas de adestramento de clubs con licenzas de ámbito nacional e autonómico, coma aquelas propostas de ocio e tempo libre que as entidades consideraron oportuno organizar, prestándoselles todas as facilidades, salientou a concelleira. En total estiveron abertos ata 7 recintos municipais durante os meses de xuño e xullo.

"De cara á temporada deportiva que debería comezar nas vindeiras semanas, considerouse oportuno establecer un calendario progresivo de incorporación, no que se refire á ocupación das instalacións deportivas de xestión directa municipal, despois de intercambiar opinións con varias Federacións Galegas e coa propia Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia", indicou Pedrosa, "á vista da evolución das diferentes normativas e das restricións impostas para o Concello de Santiago desde o pasado 2 de setembro".

O calendario de reapertura previsto é o seguinte:

• Primeira semana de setembro (31.08 ao 09.09): consideráronse as actividades de entidades con equipos de ámbito nacional que solicitaron iniciar a súa actividade, así como aquelas disciplinas individuais que teñen licenzas nacionais.

• Segunda semana de setembro (07.09 ao 13.09): dispúxose o funcionamento dos 7 polideportivos vinculados a centros públicos de educación infantil e primaria, priorizando o servizo durante o horario lectivo para facilitar e garantir a máxima seguridade na incorporación dos escolares.

• Terceira semana de setembro (14.09 ao 20.09): estanse a incorporar novas categorias de ámbito nacional, así como a programar o reinicio de entidades que manifestaron a súa necesidade de retomar a actividade de adestramento.

• Cuarta semana de setembro (21.09 ao 27.09): con carácter xeral, darase cobertura ás categorías sénior e xuvenís de deportes colectivos daquelas entidades que confirmen e presenten a documentación requirida, así como aos deportes individuais nesas idades que non empezaron.

• Última semana de setembro (28.09 ao 04.10): ampliarase progresivamente a apertura das instalacións ás categorías cadete e infantil, así como ás licenzas individuais nesas idades.

• A partir da primeira semana de outubro (05.10): prevese que se incorporen de forma escalonada as categorías dos nenos e nenas máis pequenos como poden ser os alevíns, benxamíns e/ou prebenxamíns.

Esta programación elaborouse co obxectivo principal de garantir un inicio gradual no establecemento de rutinas e dinámicas na práctica deportiva e uso das instalacións, "tendo en conta o complicado escenario sanitario que estamos a vivir e a dificultade que supón encaixar todas as demandas".

Tal e como inidicou a concelleira "se ben existía a intención de que o cronograma anterior se adiantara, as restriccións ditadas o pasado 2 de setembro e que afectaron de forma particular a este concello, aconsellaron ser máis prudentes e retrasar a posta en marcha dos equipamentos, dando absoluta prioridade ao inicio do curso escolar". Non obstante, "este calendario estará suxeito á evolución da situación sanitaria que será a que determine as posibilidades de uso e o seu total ou parcial cumprimento".

Sen uso de vestiarios
Á espera da evolución deportiva e sanitaria, todas as instalacións abrirán, con carácter xeral, sen dar servizo de uso de vestiarios para limitar ao máximo os espazos de contacto e para favorecer a rotación entre uso e uso, dado que os tempos de adestramento serán menores, e para poder realizar desinfeccións e ventilacións entre grupo e grupo de actividade.

"Sabemos que a dinámica das instalacións non vai ser a máis favorable e lamentamos moito os inconvenientes que poidan producirse no seu uso ordinario, pero resulta moi difícil respectar as convivencias e rutinas anteriores. Requerirá dun esforzo importante de todos e de todas (entidades, familias, deportistas,…), na medida das posibilidades individuais de cada un", lembrou Esther Pedrosa.