A praza da Quintana albergará a IV edición do torneo "Cidade do Futsal"

martes, 11 Abril, 2017

A concelleira de Deporte, Noa Morales, acompañada do presidente do Santiago Futsal, Ramón García, e do xerente de Viaqua, Julio Masid, presentou esta mañá os detalles da IV edición do torneo Cidade do Futsal, organizado polo Santiago Futsal, o Concello de Santiago e Viaqua.

Trátase da cuarta edición dun dos torneos con máis reclamo de Galicia, que este ano conta ademais cunha particularidade que fai a este evento aínda máis atractivo. A emblemática praza da Quintana acollerá durante a fin de semana do 13 e 14 de maio as tres pistas de fútbol sala nas que se desenvolverá un torneo que prevé contar coa participación de 400 xogadores e xogadoras de fútbol sala de toda Galicia.

Noa Morales destacou o labor do Santiago Futsal na organización do torneo e amosou a "honra que significa para o Concello colaborar cun club coma este, que ten unha firme aposta pola canteira e o deporte de base, e que contribúe de maneira importante a fomentar a práctica de fútbol sala entre os/as máis pequenos/as".

O presidente do Santiago Futsal, Ramón García, falou da importancia da localización desta cuarta edición do torneo Cidade do Futsal, xa que se trata "dun espazo máis amplo, que contribúe a que o evento sexa máis vistoso e no que as escaleiras se converterán neses dous días nunha bancada improvisada. Ademais, engadiu, "para nós é moi importante poder realizar este evento na rúa, xa que é unha esencia do deporte que se perdeu e que podemos recuperar con torneos coma este".

Pola súa banda, o director xeral de Viaqua, Julio Masid, destacou a celebración de actividades relacionadas co ciclo da auga durante os días de celebración do torneo e puxo o foco no hábitos de vida saudables que se conseguen con este tipo de iniciativas.

Categorías 
O sábado celebraranse os partidos das categorías Prebenxamín 1 (nados en 2010 e 2011), Prebenxamín 2 (nados en 2009) e Benxamín (nados en 2007 e 2008), e o domingo os da categoría Alevín (nados en 2005 e 2006).

Os encontros xogaranse simultaneamente nas tres pistas dispostas para a ocasión. Ademais do torneo, haberá diversas zonas de lecer e adestramento para todas as persoas asistentes, como inchables, chutódromos, actividades formativas, etc. Todas as actividades serán gratuítas para xogadores e xogadoras, así como as persoas acompañantes. Ao finalizar cada día de torneo celebrarase unha entrega de trofeos entre os equipos gañadores de cada categoría.

Ademais, o evento contará coa asistencia dos xogadores do primeiro equipo do conxunto compostelán. As inscricións xa se poden tramitar dende a páxina web do Santiago Futsal ata o martes 9 de maio. Tras finalizar o período de inscrición coñeceranse os cadros e as horas dos encontros. Máis información nas oficinas do Santiago Futsal ou no número de teléfono 981 115 038 en horario de 10:00 a 14:00 horas.