O Parque Eugenio Granell acolle este domingo a II Andaina e Carreira Solidaria Tras-Ril-San

sábado, 29 Setembro, 2018

O Parque Eugenio Granell acolle este domingo a II Andaina e Carreira Solidaria Tras-Ril-San

O Parque Eugenio Granell acollerá este domingo, 30 de setembro, a II Andaina e Carreira Solidaria Tras-Ril-San, organizada por esta Asociación Galega de Transplantados de Ril. A proba, apadriñada polo atleta compostelán Pedro Nimo, conta xa con máis de 150 persoas inscritas.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta II Andaina e Carreira Solidaria Tras-Ril-San, da que destacou o seu carácter solidario e as diferentes posibilidades de participación que ofrece segundo a condición física. Xunto á edila, estiveron na rolda de prensa a presidenta da Asociación Galega de Transplantados do Ril de Santiago, Pilar Fernández; o seu secretario, José Ramón García; e o director técnico da Federación Galega de Atletismo, Jesús Silva.

Os/as participantes na categoría absoluta (de Sub-18/Sub-19 a Máster) realizarán un percorrido de 5 quilómetros, con saída ás 11:30 horas. Antes, ás 11:00, sairán os/as Sub-10 e Sub-12, cun circuíto de 500 metros; e ás 11:10, os/as Sub-14 e Sub-16, que neste caso correrán 2,5 quilómetros. Esta é a mesma distancia que percorrerán os/as participantes na Andaina, que comezará despois da saída da carreira absoluta. A proba conta co control técnico da Federación Galega de Atletismo, a través da delegación en Santiago.

A inscrición está aberta ata as 23:59 horas deste venres a través da web www.carreirasgalegas.com, se ben calquera persoa poderá obter un dorsal para participar si se achega ata o lugar da carreira, dado o carácter solidario da mesma. Ademais, é posible facer unha doazón a través do Dorsal 0.

Direccións relacionadas