O Multiusos de Sar acolle o Campionato de España de Boxeo de peso galo

xoves, 11 Maio, 2017

Manuel Diéguez, Noa Morales, Moncho Mirás e Chano Planas

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá o combate que enfrontará ao amiense Moncho Mirás co aspirante mallorquino Momen Mahdaj. Na rolda estivo acompañada do boxeador, do seu mánager, Chano Planas, e do adestrador do club organizador, Manuel Diéguez.

O combate será este venres, ás 12 da noite, no Multiúsos Fontes do Sar. Iso si, xa a partir das 10 da noite haberá espectáculo, posto que se celebrará un total de seis combates entre os e as mellores de Galicia. Bateranse os boxeadores David Aller, Sergio Varela, Óscar Blanco, Lucía Rogel, Diego Couceiro e Ramiro Brey.

Noa Morales amosou a súa satisfacción porque o Concello poida colaborar "cun evento destas características que se celebra ademais nun lugar tan importante para o deporte compostelán como o Multiúsos Fontes do Sar. Por iso, engadiu, "quero animar a todos os amantes deste deporte e tamén aos que teñades curiosidade por el a que vos acheguedes ao Multiúsos na noite do venres".

As entradas teñen un prezo de 10, 15 e 20 euros e poden adquirirse en diversos puntos da cidade e arredores como Misternutrición, Área Central, Ximnasio Sport Unlimited (Bertamiráns), Ximnasio Termópilas Fitness Gym (Sigüeiro), Fight Factory (A Coruña) e Top Boxing (A Coruña).

Chano Planas, o mánager de Moncho Mirás, salientou "o momento histórico que está a vivir o boxeo galego, cun campión e cunha campioa de España" e puxo o foco na importancia de "colocar a Santiago como referencia no mundo do boxeo".

Pola súa banda, Manuel Diéguez fixo fincapé na venda de entradas e amosouse satisfeito, porque "a xente de Santiago adoita responder ben a estas convocatorias. A última vez que Moncho pelexou diante do público compostelán conseguise cheo absoluto".

Finalmente, o boxeador Moncho Mirás falou da "oportunidade que supón para el combater en Santiago" e prometeu "dar un grande espectáculo".