O Concello e o Santiago Futsal colaboran nunha nova campaña para fomentar a reciclaxe

martes, 16 Outubro, 2018

Campaña para fomentar a reciclaxe do Concello de Compostela co Santiago Futsal

O Concello de Santiago e o Santiago Futsal poñen en marcha unha nova campaña de fomento da reciclaxe, que se vai desenvolver ao longo da tempada 2018-2019. Ademais de utilizar camisetas serigrafiadas coas cores verde, amarela e azul da reciclaxe, o equipo impulsará xornadas educativas, visitará colexios e organizará concursos sobre a temática. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; a concelleira de Deportes, Noa Morales, e o director xeral do Santiago Futsal, Miguel Fernández, presentaron hoxe a campaña.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, incidiu en que "as directivas europeas obrigan a incrementar a cantidade de residuos recuperada, e para iso temos que facer un esforzo de concienciación entre o conxunto da poboación". O edil explicou que "equipos como o Futsal axudan a difundir a mensaxe, sobre todo entre a poboación máis moza, que é a que é máis proclive ao necesario cambio de hábitos".

A campaña na que colaboran o Concello e o Santiago Futsal contempla varias accións para o fomento da reciclaxe. Unha das máis chamativas ten que ver coas equipacións serigrafiadas coas cores da reciclaxe: o azul do papel, o amarelo dos envases lixeiros, e o verde do vidro. Os xogadores e o mcorpo técnico do equipo tamén participarán en xornadas educativas, visitarán colexios para promocionar a reciclaxe e divulgarán as mensaxes a prol da reciclaxe nas redes sociais. Tamén está previsto convocar concursos divulgativos en datas sinaladas.

Accións nos días de partido 
A campaña tamén se deixará notar nos días de partido do Futsal. Así, no pavillón de Santa Isabel haberá contedores para a selección dos desperdicios xerados, colocaranse marcadores cos residuos recollidos e haberá reparto de flyers informativos.

Ademais, nos descansos desenvolverase a actividade "Apunta e recicla", na que os afeccionados deberán meter un gol coa pelota da cor no seu respectivo contedor: papel, vidro ou envases. Tamén se sortearán entradas para os encontros do Futsal entre as persoas inscritas na Tropa Verde, "co obxectivo de incrementar a participación neste recoñecido proxecto".

Aposta pola mobilidade sostible 
Ademais de fomentar a reciclaxe, o Concello e o Santiago Futsal comparten o seu compromiso coa mobilidade sostible. Por iso, o equipo "promocionará as diferentes maneiras de acceder a Santa Isabel nos días de partido, á marxe do coche privado". Tamén fomentará o uso compartido de coche e, en dous partidos ao ano, premiará aos abonados que se acheguen ao pavillón en bicicleta, monopatín ou patíns. Tamén está prevista a organización da andaina "O Camiño do Futsal" para que os abonados se acheguen andando a Santa Isabel nun día de partido.