Máis de 800 xadrecistas cadetes participarán en Santiago no Mundial de Xadrez sub 8, sub 10 e sub 12

luns, 15 Outubro, 2018

Presentación Mundial de Xadrez sub 8, sub 10 e sub 12

Santiago de Compostela foi elixida sede destes campionatos no Congreso da Federacion Internacional de Xadrez (FIDE) que tivo lugar en setembro de 2016 en Baku (Acerbaixán), sendo a final con Turquía. As anteriores edicións destes mundiais téñense celebrado en Grecia (2015), Xeorxia (2016), e Brasil (2017). Os datos de persoas inscritas a día de hoxe auguran un mundial de récord, "dobrando a participación de Brasil e con representantes procedentes de preto de 90 países", segundo indicou Javier Ochoa. O presidente da Federación Esapñola de Xadrez sinalou tamén que "España non é sede dun campionato desta índole dende 2001, así que debemos estar orgullosos de conseguir a adxudicación tras 16 anos".

Pola súa banda, Gaspar Pérez fixo un percorrido polo traballo da Federación para conseguir traer este campionato, que conta co patrocinio económico do Concello de Santiago. O presidente da Federación Galega presentou tamén a páxina web que canalizará a información do evento "e dende onde ser poderá seguir vía streaming o mundial, coa retransmisión de 100 partidas a máis de 90 países".

A día de hoxe inscribíronse no Campionato Mundial 834 nenos e nenas de 85 países, que competirán nas catro categorías do torneo (sub-8, sub-10, sub-12, absoluto e feminino). A previsión é acadar os 850 inscritos de 88 países. Polo que respecta á representación galega, participarán no torneo 69 xogadores, procedentes das catro provincias galegas.

Cada día disputaranse 400 partidas simultáneas no Museo Centro Gaiás, que poderán seguirse en directo desde o espazo habilitado no exterior do museo e tamén vía streaming na web do campionato (www.wccc2018.com).

Román Rodríguez sinalou que "oganizar unha cita como o Mundial de Xadrez demostra que Galicia é un destino idóneo para grandes eventos e que conta con infraestruturas, dotacións, loxística e con profesionais cualificados para poder levalos adiante con éxito".

Marta Míguez fixo fincapé no "importante labor que fai o fomento de deportes como o xadrez desde idades temperás" e resaltou o "impacto económico deste evento". Na mesma liña foi o alcalde de Santiago, Martiño Noriega quen subliñou "o importante esforzo económico do Concello de Santiago, ao nivel de grandes eventos como a Supercopa de España ou o Womex" e insistiu en que "este Mundial permitirá desestacionalizar o turismo nunha época de menor chegada de visitantes".

Actividades complementarias 
Durante a celebración do Mundial a Cidade da Cultura acollerá tamén actividades simultáneas como seminarios de xadrez e execución e formación para docentes e adestradores e adestradoras. Ademais, a Federación Española de Xadrez celebrará en Compostela unha xuntanza cos presidentes das Federacións autonómicas e celebrará tamén a súa xuntanza directiva.