Máis de 40 disciplinas deportivas e once colexios participan na segunda edición da Festa do Deporte

mércores, 26 Setembro, 2018

Presentación II Festa do Deporte

A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu conta esta mañá de todos os detalles da segunda Festa do Deporte, que se celebrará en varias localizacións de Compostela o venres 28, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas, e o sábado 29, de 10:30 a 14:30 horas. Na rolda estivo acompañada polo piloto de rallys, Luis Penido e por Alba Torres, xogadora do Victoria FC.

As sedes principais serán o parque público de Galeras e as instalacións deportivas de Santa Isabel, concretamente o pavillón e o campo de fútbol municipal. De forma puntual, o venres 28, en horario de 18:00 a 20:30 horas, estase a programar na praza Roxa unha proposta recreativa e musical co fin de dinamizar e promocionar o propio evento.

Nesta segunda edición participan un total de 47 entidades deportivas de 43 disciplinas distintas, como balonmán, aikido, defensa persoal, esgrima, fútbol (nas súas diferentes modalidades), golf, patinaxe, quidditch, rugby, squash, loita, judo e un longo etcétera.

Novidades 
Este ano incorpóranse catro novas disciplinas deportivas como son o volei praia, a orientación, a andaina e un set de motor a cargo do piloto Luis Penido, que incluirá realidade virtual ou visita do coche de competición.

Ademais, a Festa do Deporte incorpora máis novidades, como a suma dun total de 11 centros escolares de Compostela, que participarán nas actividades o venres 28 de setembro. Os colexios que estarán son: López Ferreiro, Roxos, Raíña Fabiola, IES Antón Fraguas, Nosa Señora dos Remedios, Seminario Menor, IES Arzobispo Xelmírez II, San Jorge, San José de Cluny, Vite e La Salle.

Cóntase tamén coa colaboración do COLEF (Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física), que impartirá obradoiros para a realización de test de presión manual informando in situ do resultado conforme aos valores de referencia de forza e exemplos significativos para os participantes, sexan ou non deportistas. Cruz Vermella tamén levará a cabo obradoiros de primeiros auxilios e RCP Básica.

Obxectivos 
O fin principal do evento é que Compostela viva unha exaltación do deporte e que participen o maior número de persoas posible. Será un evento recreativo e popular que estará aberto á participación, con carácter gratuíto, de toda a familia, e que contará con actividades adaptadas ao nivel de todos os/as asistentes. Con carácter xeral, o rango de idade para participar será de 6 a 70 anos, se ben haberá propostas que polas súas especiais características reducirán esta franxa ou simplemente se ofertarán en modalidade de exhibición.

A Festa contará coa participación do trailer de Gadisa, que desenvolverá actividades de fomento da comida saudable e da actividade física, conceptos que axudan a comprender a necesidade de facer pequenos axustes no noso día a día para obter excelentes resultados na nosa saúde e na do Planeta.

Coa participación nunha actividade realizarase un prezo especial no aparcadoiro e, no caso de participar en tres, conseguirase un pequeno avituallamento de Gadis. Finalmente, se se participa en dez actividades regalaranse entradas para un partido da SD Compostela ou do Santiago Futsal.

Políticos e xornalistas 
Como tamén se fixo o ano pasado, haberá dous partidos que enfrontarán a membros da Corporación compostelá con xornalistas de Santiago. Será o sábado a partir das 12:00 h, cun primeiro encontro de volei praia no parque de Galeras e outro ás 12:30 h de fútbol oito no remodelado campo de fútbol de Santa Isabel.

Documentos relacionados