Máis de 200 judokas de categorías júnior e infantil competirán esta fin de semana en Santa Isabel

martes, 30 Xaneiro, 2018

Mario Muzas, Noa Morales e Javier Rial

As instalacións deportivas de Santa Isabel serán escenario durante esta fin de semana do X Trofeo Cidade de Santiago de judo en categoría infantil(sábado 3) e do Campionato de Galicia Júnior Masculino e Feminino desta disciplina (domingo 4). Máis de 200 judokas daranse cita en Santiago nestas dúas competicións.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou estes dous torneos acompañada do presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, e do delegado da devandita Federación en Santiago, Javier Rial. A edil mostrouse "encantada de colaborar nesta actividade, que forma parte dun convenio entre o Concello e a Federación Galega de Judo para podermos celebrar encontros como este". Estas competicions, dixo, "atraerán un gran número de persoas, sobre todo xente nova, de todo o Estado e tamén de Portugal".

O presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, agradeceu ao Concello a súa achega para a celebración por cuarto ano do torneo infantil de judo. "Para nós isto é moi significativa, porque permite traer un evento de gran relevancia a Galicia", ademais de "facilitar aos nosos deportistas competir ao máis alto nivel nacional e mesmo con judokas estranxeiros, coa posibilidade de puntuar e clasificarse para a fase final do Campionato de España", explicou.

Muzas indicou que en Santiago estarán 217 deportistas, 144 mozos e 73 mozas, o que supón un éxito de participación. Aproveitou tamén para anunciar que, a maiores dos combates, haberá outras actividades complementarias, como cursos de reciclaxe para árbitros e adestramentos e, como remate, a fase final do Campionato de Galicia Júnior, que tamén é clasificatoria para a fase final do Campionato de España". Estes combates desenvolveranse o domingo 4, en horario de tarde, mentres que o torneo infantil celebrarase durante a mañá do sábado 3.