A igualdade de xénero no deporte, a debate na campaña "Conquista os elementos"

mércores, 17 Xaneiro, 2018

A concelleira Noa Morales e a deputada provincial Ánxela Franco presentaron o evento no Pazo de Raxoi

O CSC das Fontiñas será o escenario no que arranque, o próximo venres, a campaña "Conquista os Elementos" impulsada pola Deputación da Coruña para sensibilizar e visualizar o deporte feminino na provincia. Haberá encontros en 23 concellos coruñeses, a partir do visionado do documental "Contra os elementos".

A concelleira de Deporte, Noa Morales, e a deputada provincial, Ánxela Franco, presentaron hoxe a campaña, que comezará o 19 de xaneiro ás 19:00 no Centro Sociocultural das Fontiñas. Despois da proxección do documental celebrarase unha mesa redonda na que participarán Cristina López Villar, investigadora da Universidade da Coruña; Paula Mayorga, atleta internacional; María Obelleiro, directora de "Sermos Galiza" e Adrián Dios, árbitro e adestrador de baloncesto que exercerá de moderador.

Noa Morales explicou que este fórum "ten uns obxectivos que o Concello de Santiago comparte, en canto á visibilización da muller dentro do ámbito deportivo e desde unha perspectiva de igualdade". Nesa liña, a concelleira de Deportes incidiu en que é preciso "apostar pola participación das mulleres no deporte, por eliminar estereotipos e mesmo por reflexionar sobre cuestións como a linguaxe no deporte"

A deputada provincial Ánxela Franco explicou que a campaña "Conquista os elementos" pretende mostrar "o esforzo persoal e familiar que fixeron as mulleres deportistas, moitas delas grandes descoñecidas malia aos seus logros e figuras que hai que reivindicar". A deputada tamén quixo incidir na importancia do deporte como instrumento de educación e de socialización, "e por iso non pode ser unha área na que non se traballe en políticas de igualdade". A orixe da campaña "Conquista os teus elementos" é o documental Contra os Elementos.

Documentos relacionados