Compostela súmase á celebración do Día da Educación Física na Rúa

mércores, 25 Abril, 2018

Día da Educación Física na Rúa en Compostela 2018

Case 850 escolares de sete centros de Compostela participaron este mércores nas actividades do Día da Educación Física na Rúa. A actividade está organizada polo IES Rosalía de Castro e conta coa colaboración do Concello de Santiago.

Os nenos e nenas practicaron deporte ao aire libre na praza da Quintana, ata onde se achegaron o alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Deporte, Noa Morales. O obxectivo deste día pasa por amosar a importancia da educación física para o desenvolvemento integral en todas as idades, fomentar a práctica deportiva e concienciar dos altos índices de sedentarismo no noso país.

Ademais do IES Rosalía de Castro, tamén participaron o San Pelayo, o colexio Vilas Alborada, o Raíña Fabiola, Nosa Señora dos Remedios, Ramallosa e San José de Cluny.

Trátase do segundo ano que se celebra esta xornada fóra dos centros educativos, concretamente na praza da Quintana. Ademais de ser unha cuestión persoal, é tamén unha cuestión social segundo os organizadores do evento posto que Galicia é unha das rexións de Europa con maior taxa de obesidade infantil.

Xurdida en 2011

O Día da Educación Física na rúa xurdiu en 2011 da man de Fran Flórez, profesor dun instituto asturiano que quixo ensinar aos seus alumnos e alumnas como é o traballo que se realiza na aula. Nesa primeira edición participaron 125 escolares e agora, en 2018, serán arredor de 30.000 en todo o Estado.