Compostela será saída e meta da última etapa da Volta Ciclista a Galicia

mércores, 13 Setembro, 2017

Presentación no Concello de Santiago da última etapa da Volta Ciclista a Galicia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou a que será a cuarta e última etapa da XVI Volta Ciclista a Galicia o vindeiro domingo 17 de setembro. O percorrido desta etapa desenvolverase na contorna da cidade de Santiago, con saída e chegada na avenida de Xoán Carlos I.

Martiño Noriega destacou a importancia desta etapa, que permitirá a moita xente coñecer a contorna da cidade. Tamén se referiu a que que esta estapa coincide coa posta en marcha de medidas de seguridade para os ciclistas en Santiago. En relación a esta mesma materia, nos maillots dos diferentes premios haberá lemas referidos á distancia de seguridade de 1,5 metros que deben manter os coches cos ciclistas ao adiantalos.

Xunto coa alcalde, estiveron na rolda de prensa a concelleira de Deporte, Noa Morales; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o director da Volta, Guillermo Sande, e o ciclista Ezequiel Mosquera.

O presidente da FGC agradeceu tanto ao Concello de Santiago como aos demais municipios por onde transcorre a Volta, así como ás Deputacións, á Xunta de Galicia e ás empresas privadas as súas achegas para que este evento chegue a bo porto. Muñiz destacou tamén a homenaxe que a Volta renderá nesta edición a Óscar Pereiro, ciclista galego gañador do Tour de Francia 2006.

Pola súa banda, o director da Volta, Guillermo Sande, salientou a importante lista de equipos que participa do 14 ao 17 de setembro nesta XVI edición, entre os que figuran un conxunto francés, dous portugueses, sete galegos e o resto de diferentes partes de España.

Finalmente, o ciclista Ezequiel Mosquera quixo recordar que o terreo por onde transcorre a Volta é un dos máis accidentados, malia non ter alturas moi destacables. "Isto fará sacar o mellor de cada participante nas diferentes etapas", dixo.

O remate da Volta Ciclista a Galicia será o remate tamén do calendario ciclista español por este ano.

 

Direccións relacionadas