Compostela acollerá o Campionato Galego de Milla Urbana, que inclúe unha proba popular

venres, 16 Marzo, 2018

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou este venres a I Milla Urbana "Portas de Compostela", que se celebrará en Santiago o vindeiro 8 de abril. Na rolda tamén estiveron o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o delegado desta Federación en Santiago, Iván Sanmartín; e o presidente do Club Atletismo Santiago, Alfonso López Menduiña.

Noa Morales convidou a todos os veciños e veciñas de Santiago a participar na proba e tamén a "achegarse a vela, porque será espectacular", ao tempo que lembrou que se trata da "proba que abrirá o calendario de carreiras saudables". A carreira, que se celebrará en Santiago o 8 de abril, é a décima edición desta categoría que se celebra en Galicia e combina a carreira profesionalizada coa popular. As últimas dúas edicións tiveron lugar en O Pino e Sada, con vitorias para atletas pertencentes ao Club Atletismo Santiago, organizador desta décima edición.

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, quixo agradecer "a colaboración e o esforzo de todas as entidades que participan na organización da proba" e indicou que "para moitas persoas será unha especie de campionato de velocidade, sobre todo se os corredores están afeitos a correr probas de dez quilómetros ou ata medias maratóns".

Na mesma liña se pronunciou Iván Sanmartín, quen asegurou que se trata dun "marco diferente, chegando a xente que quere engancharse a este deporte". A saída será ás 10:00 h para escolares (benxamíns, cadetes e alevíns) na rúa da Senra, con chegada na praza de Galicia despois de dar dúas voltas ao circuíto.

A inscrición estará aberta ata o martes anterior á proba para os atletas federados e ata o mércores anterior para a carreira popular. As inscricións faranse en www.rfea.es para o primeiro caso e en www.carreirasgalegas.com para a popular.

Homenaxe

Alfonso López Menduiña explicou que, ao remate da proba, realizarase unha homenaxe a dous atletas galegos que fixeron historia en probas de milla urbana como Solange Pereira (mellor atleta da historia nesta categoría e gañadora do campionato dende 2012 de forma consecutiva) e Víctor Rioboo (campión en 2012).