A cidade acollerá a final do I Torneo de Fútbol Base "Camiños de Compostela"

luns, 16 Abril, 2018

A sede da Federación Galega de Fútbol, situada nos baixos do estadio de San Lázaro, acolleu esta mañá a presentación do Torneo Internacional de Fútbol Base Camiños de Compostela, que se celebrará en varios concellos entre o 4 e o 24 de xuño. A fase final terá lugar en Santiago. Na rolda participou a concelleira de Deporte, Noa Morales.

Trátase dun campionato dirixido ás categorías cadete, infantil e xuvenil, de fútbol once masculino e feminino e de fútbol oito. A iniciativa parte da Asociación de Fútbol Base Compostela e Comarca, integrada polos clubs Milladoiro, Fátima, Amio, Calo, Rois, Victoria, ED Santiago, Villestro, SD Compostela, Praíña e Cacheiras. Xunto ao de Santiago participan outros cinco concellos: Teo, Rois, Vedra, Ames e A Baña. En total, estímase que participarán arredor de 150 equipos.

O obxectivo do torneo é fomentar o deporte base e os valores de cooperación entre as categorías inferiores dos clubs, unha cuestión sobre a que incidiu Noa Morales quen asegurou que "o fomento do deporte base é unha das apostas que debemos facer como Concellos e como cidadanía, xa que é nestas categorías onde os nenos e as nenas aprenden e se forman na disciplina deportiva elixida".

A concelleira tamén fixo fincapé na vertente supramunicipal deste evento, que "vai máis alá do que individualmente podemos facer cada un de nós", e lembrou a unión hai uns meses "dos concellos de Santiago e Teo para impulsar, por exemplo, o Clúster de Rugby".

Os árbitros do torneo tamén premiarán as condutas deportivas dos participantes.