Arredor de 50 nenos e nenas de entre 4 e 18 anos participan no VIII Campus Vero Boquete

xoves, 27 Decembro, 2018

Noa Morales e Vero Boquete

A concelleira de Deporte, Noa Morales, visitou este xoves a oitava edición do Campus Vero Boquete, que dirixe a futbolista compostelá dende onte e ata o día de mañá nas instalacións de Santa Isabel, Don Bosco e campo do Sergas.

O campus está dirixido a aqueles nenos e nenas, de entre 4 e 18 anos, que busquen mellorar os fundamentos técnico-tácticos do fútbol, nun marco que aposta polo respecto e a amizade entre os e as participantes. Todo isto acompañado doutras actividades de acompañamento, como conversas con deportistas de alto nivel, e propostas de lecer.

A este campus asisten persoas vinculadas ao mundo do fútbol que compartirán cos nenos e nenas as súas experiencias e valores como xogar en equipo e ver con normalidade a igualdade no térreo de xogo entre xogadores e xogadoras. Durante a xornada de hoxe tiveron a visita do tamén compostelán e xogador do Espanyol, Borja Iglesias, e na xornada de mañá visitaraos o adestrador da SD Compostela, Yago Iglesias.

Melloras en Santa Isabel

Nos últimos meses realizouse un importante investimento no campo de fútbol de Santa Isabel, que supuxo un desembolso económico de preto de 600.000 euros. Renovouse por completo o céspede para mellorar o confort das persoas usuarias, que contan a partir de agora cun terreo de xogo coas mellores condicións para adestrar e competir. O campo de Santa Isabel equipouse cun sistema de céspede artificial Dual Pro de 45 milímetros de altura, con subbase elástica prefabricada e recheos técnicos Natural Mix, que conta co nivel máximo de certificación de calidade de céspede artificial da FIFA, que se denomina FIFA Quality Pro. Tan só este campo e catro máis no Estado contan con esta certificación.

Tamén se renovou por completo o equipamento do campo, con novas porterías de fútbol 11 e fútbol 8, bancos novos e parabalóns perimetrais. Construíuse unha zona nova de adestramento para porteiros e porteiras de 800 metros que conta con idénticas calidades que o terreo principal, ao que se lle instalou un sistema de iluminación LED de baixo consumo enerxético.

Estadio Verónica Boquete

Aproveitando a presenza da futbolista internacional en Compostela, o Concello de Santiago está ultimando os detalles do acto institucional que terá lugar no Estadio Verónica Boquete e no cal se descubrirá a nova placa e as letras que renomearán a esta instalación municipal.