Angrois acolle este sábado a segunda proba do VII Circuíto de Carreiras Saudables Corresan

mércores, 10 Outubro, 2018

Presentación segunda proba do Circuíto Corresan 2018

Chega unha nova carreira do circuíto Corresan, desta vez cunha das probas máis tradicionais do circuíto como é a da Ruta da Prata-Angrois. Será este sábado a partir das 18.00 horas cun percorrido de arredor de 5,2 km para os adultos, 2,4 para sub 16 e 14 e de 1,2 para sub 12 e sub 10.

Trátase dunha das carreiras máis complicadas do circuíto, que servirá para poñer a proba ás persoas que participen xa que conta con desniveis que incrementan a dificultade en relación ao circuíto do mes pasado.

Na rolda de prensa, a edila de Deporte, Noa Morales, estivo acompañada do delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín e do presidente da Asociación Veciñal de Angrois e integrante do Noitebra FC., Martín Rozas. Iván Sanmartín sinalou que "se a proba se celebra no barrio de Angrois é grazas a asociación veciñal do barrio" e lembrou que a inscrición segue aberta ata o xoves ás 23:59.

Pola súa banda Martín Rozas fixo fincapé no "ambiente que se vive en Angrois na fin de semana, co barrio volcado na carreira" e definiu o evento como "moi especial, ao achegar o deporte ás zonas rurais de Compostela".

Horarios 
Os escolares 1 (sub 10 e sub 12) teñen a saída ás 18 horas e un percorrido de 1,2 kilómetros, é dicir, unha volta ao circuíto de escolares. Pola súa banda os escolares 2 (sub 14 e sub 16) terán a saída ás 18.15 e percorrerán 2,4 km dando dúas voltas ao circuíto de escolares e as persoas inscritas na categoría de adultos (sub 18 en adiante) sairán a partir das 18:45 horas cun percorrido de 5,2 km e dúas voltas ao circuíto de adultos.

Récord 
O circuíto deste ano suscitou moito interese entre a veciñanza logrando unha inscrición récord na modalidade circuíto alcanzando as 700 persoas. Ademais conta coa presenza de atletas de primeiro nivel como Pedro Nimo, Amador Pena ou Nuno Costa.