Angrois acolle este sábado a segunda proba do CorreSan 2017

mércores, 11 Outubro, 2017

Iváns Sanmartín, Noa Morales e Martín Rozas. Deportes Santiago de Compostela

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou a segunda carreira da VI edición do Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan. Trátase da Ruta da Prata-Angrois, que se celebrará o vindeiro sábado 14 de outubro. Tamén participaron na rolda de prensa Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, e Martín Rozas, directivo da Asociación de Veciños de Angrois e integrante do Noitebra F.C.

Noa Morales aproveitou esta nova carreira para retirera o obxectivo do CorreSan, que é "fomentar a vida saudable e o atletismo entre os veciños e veciñas". Nesta ocasión, os/as participantes deberán afrontar un circuíto de 5,2 quilómetros, que serán 2,3 para a categoría escolar 2 e 1,2 para a categoría escolar 1.

Pola súa banda, Iván Sanmartín recordou que a inscrición aínda está aberta ata as 14:00 horas de mañá xoves, de forma presencial no Departamento de Deportes de El Corte Inglés ou a través das webs do CorreSan ou de Carreiras Galegas. Está prevista a participación duns 700 corredores e corredoras.

A proba deste sábado arrancará ás 18:00 horas, coa saída para alevíns e benxamíns. 15 minutos despois será a vez das categorías infantil e cadete. A carreira absoluta, na que se agarda a participación de máis de 200 atletas, iniciarase ás 18:45 horas. As rúas que están dentro do percorrido desta CorrSsan estarán pechadas dende as 17:30 ata as 20:30 horas.

O delegado en Santiago da FGA tamén aproveitou a comparecencia para agradecer á veciñanza de Angrois e ao club Noitebra a súa implicación para levar adiante esta carreira no seu barrio. En representación de ambos colectivos falou Martín Rozas, quen lembrou que esta CorreSan "tamén nos serve para reivindicar este percorrido do Camiño de Santiago, a Ruta da Prata".