Aberta a inscrición para a IV edición da carreira nocturna SantYaGo10K

luns, 12 Marzo, 2018

José Antonio Juanatey, Noa Morales e Juan Martín co cartel da SantYaGo10k.

Este martes abriuse a inscrición para participar na cuarta edición da carreira nocturna SantYaGo10K, que se celebrará o sábado 28 de abril ás 22:00 horas. Este ano, a proba está encadrada no I Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade. Entre as novidades desta edición figura un servizo de gardería de balde.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, animou os composteláns e compostelás a participar nesta proba, que cada ano gaña máis adeptos pola súa sigularidade. Un ano máis, os/as atletas realizarán un circuíto homologado de 10 quilómetros polas rúas do casco histórico e o seu entorno máis próximo, coa meta na praza do Obradoiro. Ademais, como lembrou, esta edición da SantYaGo10Kestá encadrada no I Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade, unha das actividade coas que se celebra o 25 aniversario da creación da rede que reúne as 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco. O Circuíto iniciouse o 18 de febreiro en Segovia e rematará o 8 de decembro en Eivissa.

Pola súa parte, José Antonio Juanatey, presidente do Club Atletismo Fontes do Sar, entidade organizadora da proba, lembrou que "a carreira está homologada pola Federación Española de Atletismo e discorrerá polo mesmo circuito de todos os anos, pasando por algunhas da zonas máis emblemáticas da cidade". Entre as novidades, Juanatey salientou a instalación dunha gardería para que "os corredores e corredoras que veñan poidan deixar os seus nenos e nenas durante a proba". O servizo será de balde para os/as inscritos/as.

A proba atlética volverá contar con outras actividades paralelas, como animación en diferentes puntos do circuíto, música en directo ou un filloeiro no Obradoiro. "Tentamos que esta carreira non sexa só unha competición deportiva, senón que as persoas que veñan por primeira vez disfruten dela e vexan como é unha carreira por dentro", explicou o presidente do Atletismo Fontes do Sar.

Tamén participou na rolda de prensa Iván Sanmartín, delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago, quen felicitou ao Concello polo seu apoio ao atletismo e ao Fontes do Sar pola organización desta carreira e doutras probas, coma os campionatos galegos de 5.000 e 10.000 que se celebrarán este vindeiro domingo nas instalacións da USC. El tamén animou á participación nesta carreira, exemplo do "cada vez máis arraigo que ten o atletismo na cidade". Na pasada edición, 2.200 atletas correron a SantYaGo10K.

Direccións relacionadas