Aberta a inscrición nunha San Silvestre marcada polas medidas anti-COVID

mércores, 23 Decembro, 2020

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou en rolda de prensa a oitava edición da San Silvestre compostelá, que nesta ocasión terá só carácter federado e contará cun cupo de 300 prazas por mor das medidas sanitarias para a contención da pandemia. Tamén muda o escenario: será nos arredores do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro.

A inscrición abriu o pasado luns 21 ás 10.00 h da mañá e as prazas cubriranse por orde de rexistro. Dita inscrición rematará ás 23:59 horas do vindeiro martes 29 de decembro. A concelleira lamentou que nesta ocasión só poidan participar 300 persoas pero "ten que ser así" por mor das actuais circunstancias. Tanto o Concello como a Federación Galega de Atletismo decidiron que os participantes foran só atletas de clubes ou con licenza federativa en vigor.

A carreira terá forma de contrarreloxo e as saídas, que comezarán ás 16.30 h do xoves 31 de decembro, serán de dúas persoas cada 30 segundos, para evitar contactos, segundo indicou Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo. A proba transcorrerá nos arredores do Estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro, nun percorrido "practicamente lineal" de 4800 metros.

Carreira solidaria
A inscrición ten un custo de 5 euros que, nesta ocasión, irá destinado integramente a Cruz Vermella. A súa responsable en Santiago, Rocío Ovalle, agradeceu a iniciativa, especialmente importante nun ano tan duro no que atenderon a 2500 familias a través de 6500 intervencións a través do Plan Cruz Roja Responde. Tamén haberá un dorsal 0 para aquelas persoas que queiran colaborar sen participar na carreira.