700.000 euros para actuacións de mellora dos recintos deportivos

martes, 22 Setembro, 2020

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, deu conta das actuacións de mellora nos recintos deportivos que se están a realizar ou se van executar de forma inminente. En total, investiranse arredor de 700.000 euros desglosados do seguinte xeito:

Dotación de diverso mobiliario deportivo en varias instalacións: 20.000,00 euros. A previsión é proceder á adquisición de diferente material deportivo ao longo dos meses de setembro e outubro, tal e como se ben facendo durante os últimos anos, para completar a dotación ou renovar determinados equipamentos das diversas instalacións (banquillos, porterías, espaldeiras, canastras, ...).

Obra de emerxencia de substitución do peche perimetral do terreo de xogo do CF de As Cancelas: 32.596,98 euros. Executada no mes de febreiro, foi consecuencia dos temporais de vento e choiva que afectaron de forma manifesta ao peche perimetral do terreo de xogo do campo de fútbol das Cancelas.

Obra de substitución do céspede sintético de tres pistas de pádel de Sar: 26.281,44 euros. Rematada no mes de xuño, supuxo a instalación dun céspede de última xeración nas tres pistas semicubertas municipais de pádel situadas en Sar.

Obra de renovación do céspede sintético e peche perimetral do campo de fútbol das Cancelas: 439.998,72 euros. En fase de adxudicación. O seu inicio está programado para principios do mes de outubro e permitirá a instalación dun novo sistema de céspede sintético de altas garantías e prestacións deportivas. Para mitigar o problema do peche desta instalación en plena tempada, estanse a realizar xestións coa USC para poder dispoñer do seu campo de fútbol de forma exclusiva, de luns a venres.

Acondicionamento da praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel: 80.000,00 euros. En fase de preparación documental, a previsión é iniciar a súa licitación no mes de novembro para poder comezar a súa execución a finais de ano. Este investimento permitirá rematar a contorna do principal campo de base da cidade garantindo a accesibilidade de usuarios.

Substitución da rede de fontanería do Estadio Municipal de San Lázaro: 30.000,00 euros. En fase de adxudicación, esta actuación iniciarase no mes de outubro permitindo a renovación da rede principal de fontanería do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro.

Mellora da iluminación do campo de fútbol de Villestro e de Belvís: 46.138,23 euros. En fase de preparación documental, a previsión é comezar co investimento no mes de novembro para rematar a súa execución antes de final de ano. Comeza deste xeito a mellora gradual da iluminación dos campos de fútbol municipais.

Pulido e vernizado da tarima de parque do Pavillón de Fontiñas: 25.000,00 euros. Investimento programado para o mes de decembro, coa intención de entorpecer o menos posible a actividade deportiva programada.

Desfibriladores semiautomáticos para instalacións deportivas: 4.000,00 euros. Continuarase coa dotación deste tipo de equipos nas instalacións deportivas. Neste momento son un total de 11 edificios os que dispoñen deste dispositivo para servizo en caso de urxencia.